YouTube abre as súas historias aos creadores con máis de 10.000 subscritores

xoves, 29 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Hai un ano YouTube anunciou que estaba a preparar un formato de vídeo semellante ás historias de Instagram, que inicialmente limitaba a usuarios con máis de 10.000 subscritores, pero esta funcionalidade limitouse a unhas probas moi limitadas até agora, cando anuncian que por fin abren as historias de YouTube a todos os creadores que superen os 10.000 subscritores.
As historias de YouTube son unha nova ferramenta para conectar coa audiencia dun xeito divertido, no que os creadores poden engadir texto, música, filtros, adhesivos e máis elementos, para conseguir transmitir a súa identidade.
Os usuarios que teñan máis de 10.000 subscritores para publicar unha historia só terán que abrir a aplicación móbil de YouTube e dende a icona da cámara de vídeo terán presente a opción de Crear Historia.
O novo formato tamén está aberto aos comentarios do público, estando os comentarios abertos á valoración do resto de usuarios e do propio creador. De feito, o autor das historias tamén poderá responder aos comentarios con fotografías e vídeos que poderá ver toda a comunidade.
Cómpre salientar que as historias de YouTube, en vez de durar 24 horas como outras plataformas, estarán dispoñibles durante 7 días, para garantir que os seareiros dos youtubeiros teñan a oportunidade de velas aínda que non se conecten con moita frecuencia.

Vídeo de presentación das historias de YouTube

PUBLICIDADE