YouTube Music e Premium superan os 50 millóns de subscritores

venres, 3 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Nos últimos anos YouTube pasou de ser un servizo financiado unicamente mediante publicidade a combinar servizos de reprodución musical e unha modalidade de pagamento sen publicidade, e agora que unificaron estes servizos baixo o selo YouTube Premium semella que atoparon unha fórmula con boa aceptación do público se atendemos ás declaracións de Lyor Cohen, responsable da división de música de YouTube, quen asegura que YouTube Music e Premium superaron os 50 millóns de usuarios activos (entre subscritores e contas de proba).
YouTube leva preto de 6 anos tentando convencer aos usuarios en pagar polo seu servizo, para o que ofrecen vantaxes como a descarga de contidos para a súa reprodución fóra de liña, a posibilidade de reproducir contidos coa pantalla do móbil apagada (algo práctico para, por exemplo, escoitar música) e incluso eliminar a publicidade (especialmente molesta cando reproducimos os contidos no televisor).
Cómpre detallar que os cartos das subscricións tamén se comparten cos creadores de contidos na liña do que acontece coa publicidade, e precisamente a combinación entre ingresos publicitarios e por subscrición é o que fai que YouTube sexa actualmente unha das principais fontes de ingresos da industria musical, á que achegou uns 4.000 millóns de dólares nos últimos 12 meses.
En calquera caso, resulta impresionante ver como ducias de millóns de usuarios están dispostos a pagar por un servizo que poden gozar de balde simplemente por recibir unha experiencia de uso lixeiramente mellorada, polo que entendemos que os que pasan por caixa son os usuarios máis intensivos, que serían os máis beneficiados polas vantaxes reservadas para subscritores de pagamento.

PUBLICIDADE