YouTube Kids chegará a España a semana que vén

luns, 4 de xullo do 2016 Marcus Fernández

O ano pasado Google lanzou YouTube Kids, unha aplicación para smartphones e tabletas que ofrecía acceso aos contidos infantís de YouTube, para tranquilidade dos proxenitores, que poden estar así máis tranquilos á hora de deixar aos seus pequenos a consumir contidos audiovisuais en dispositivos móbiles, pero este servizo estaba limitado aos EE.UU., pois a súa localización non se limita á tradución da interface de usuario, senón que tamén afecta á selección de contidos que se realiza, de aí que non sexa un servizo que poida lanzarse globalmente de xeito doado.
Nos últimos meses o servizo foi chegando paulatinamente a México, Arxentina, Brasil... e finalmente, o vindeiro día 13, presentarase en España, o que permitirá que os pais poidan permitir o acceso dos seus pequenos a unha selección de contidos audiovisuais seguros, podendo incluso detallar se os seus nenos son moi pequenos ou maiores, para contar así cunha selección un tanto diferente.
YouTube Kids tamén ofrece unha interface máis limpa e doada de empregar, facilitando así que os pequenos poidan empregar esta aplicación sen precisar da axuda dos seus pais e, aparte de permitir o consumo audiovisual no smartphone ou na tableta, tamén é compatible con Google Cast, para poder gozar de xeito doado dos vídeos no televisor.

PUBLICIDADE