Yolanda Varela, nova directora de Informática de Arteixo Telecom

martes, 27 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

O medre de Arteixo Telecom e a súa aposta polos profesionais galegos, amais de percibirse nos novos dispositivos e servizos postos en marcha (deseñados e máis desenvolvidos dende aquí), tamén se aprecia na política de nomeamentos. O máis recente é a de Yolanda Varela Liñares, que segundo informa a empresa con sede nas Pontes pasa a ocupar o cargo de directora de Informática. Dende este posto, sinala a compañía, Varela asume entre outras responsabilidades a de xestionar os servizos e infraestruturas ligadas á implantación, explotación e máis mantemento dos sistemas informáticos da firma. Amais disto, tamén se ocupará de dirixir o desenvolvemento de programas e procedementos para a mellora do fluxo de información e de adaptar os proxectos tecnolóxico-dixitais ás necesidades dos usuarios finais. Asemade, entra dentro das súas competencias o mantemento e constante mellora da web corporativa.
Varela, que vén de liderar con éxito o desenvolvemento e implantación da nova web de Arteixo Telecom (en marcha dende o pasado mes de xuño), propuxo para esta renovada andaina en liña unha estratexia de meirande achegamento aos clientes, colaboradores e provedores, “empregando para isto a tecnoloxía máis avanzada”, sinalan fontes da firma galega. Máis polo miúdo, a páxina web cuxa elaboración xestionou a directora de Informática de Arteixo Telecom concibiuse como unha “porta de entrada á innovadora plataforma de xestión de proxectos, por medio da cal os clientes poden levar a cabo un estreito seguimento, en tempo real e dende calquera lugar do mundo, dos proxectos en marcha, mellorándose así a comunicación, a eficacia e os prazos de resposta”.
Yolanda Varela Liñares é diplomada pola Facultade de Informática da Universidade da Coruña e forma parte do equipo de Arteixo Telecom dende 1996.

PUBLICIDADE