Yoigo renova web co fin de dar mellor servizo aos usuarios que acceden dende dispositivos

xoves, 26 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

Yoigo estreou esta semana novo deseño na súa web. A idea que sustentou o proceso de remodelado foi a de ceibar o conxunto de todo o que servise de mero adobío ou atranco entre o usuario e a información dispoñíbel. En definitiva, tratouse dunha aposta pola accesibilidade, aplicábel a calquera tipo de dispositivo (móbil, tablet, portátil ou computador de sobremesa). Para a operadora, era da máxima importancia permitir as mellores condicións de operatividade nos dispositivos móbiles. De feito, lembra, das 70.000 visitas de media que recibe cada día, case a metade fanse xa dende estes terminais.
A empresa tamén sinala que está a traballar para axilizar a renovación, nos vindeiros días, do deseño da súa Tenda Online, co fin de achegar unha experiencia de compra “moito máis doada e rápida” dende os dispositivos móbiles. Por certo que durante uns días, a firma manterá habilitada unha conta de correo (queteparecelaweb@yoigo.com) co fin de que os usuarios acheguen as súas opinións e suxestións sobre a nova feitura en liña, na procura de acadar “a experiencia de navegación que mellor se afaga ás súas necesidades”.

PUBLICIDADE