Yoigo mellora as condicións das chamadas internacionais

xoves, 1 de xullo do 2010 Raquel Noya

Yoigo, a compañía que se define a sí mesma como “a cuarta operadora de telefonía móbil de España con rede propia”, vén de inaugurar o verán coa posta en marcha dun servizo para controlar o gasto en tráfico de datos cando se viaxa fora de España.
Deste xeito, vén de baixar o prezo nas chamadas realizadas e recibidas en roaming na UE ou países asociados; en concreto, o prezo por minuto para chamar a calquera outro país da UE e países asociados baixa 4 céntimos, valendo agora 27 céntimos/minuto (31,86 IVE incluído), cun establecemento de chamada de 12 céntimos (14,16 céntimos con IVE incluído). Mentres que se o cliente é o receptor da chamada en roaming nalgún dos devanditos países, a tarifa ao minuto redúcese ata os 15 céntimos (17,7 céntimos con IVE incluído).
Por outra parte, para controlar o gasto en datos en roaming internacional, dende o pasado 24 de xuño, os clientes de Yoigo que viaxen ao estranxeiro e que naveguen por Internet, reciben unha mensaxe que os avisa de que xa non están en España e que polo tanto a tarifa é outra.
Tamén cando chegue aos 40 euros e cando sobrepase os 50 euros sen IVA de consumo de datos mensual, a fin de “evitarlle aos clientes sorpresas desagradables causadas polo mal emprego dos datos en roaming internacional”.
Por último, os clientes de Yoigo poderán recibir mensaxes no seu buzón de voz mentres estén viaxando no extranxeiro sen custe adicional xa que, aplicando a normativa europea, que entra en vigor hoxe mesmo, a recepción deste tipo de chamadas desviadas ao buzón de voz en roaming en calquera país da UE debe ser de balde; Yoigo, en beneficio dos seus clientes, vai máis alá e amplía esta medida a todolos países extranxeiros.

PUBLICIDADE