Yaiza Rubio animou ás mozas ourensás a facerse fortes no universo TIC
mércores, 9 de outubro do 2019
Yaiza
Rubio, analista de seguridade en ElevenPaths, a unidade de protección
tecnolóxica de Telefónica, participou hoxe nun encontro con
estudantes do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, no que fixeron acto
de presenza unhas 250 rapazas e rapaces, ao
abeiro do programa Girl STEM: derrubando estereotipos, que
impulsan AGASOL e AMTEGA. Rubio achegou datos que explican os
porqués da presenza máis reducida de mulleres nos estudos e
profesións científicas e tecnolóxicas.
A
relatora recoñeceu que existe “un teito claro que se fai moi
evidente nas direccións das empresas onde un 90% das persoas con
postos de responsabilidade son homes”, pero animou ás rapazas a
perseverar, non deixarse vencer por pequenos fracasos e traballar
duro e sen complexos: “Ás veces, os impedimentos poñémolos nós
mesmas sen darnos conta, temos que confiar nas nosas capacidades e
pensar que este é un sector moi práctico, dá igual que sexas
muller ou home, tes que pensar no valor diferencial que podes achegar
a un traballo”.
A
analista engadiu que “precisamos fomentar as carreiras tecnolóxicas
nas mulleres, fan falta escolas que aposten por ensinar tecnoloxía;
son habilidades que hai que ir incorporando dende moi cedo porque as
profesións do futuro non se van parecer nada ás que coñecemos
hoxe”, dixo, engadindo que agora, máis ca nunca, precísanse
moitos perfís tecnolóxicos no ámbito da seguridade porque “a
ameaza cibernética é mundial”.
Yaiza
realizou co alumnado un xogo de simulación dun delito de
suplantación de identidade a través dun dispositivo móbil. A
experiencia serviu, por unha banda, para advertir a mozas e mozos dos
perigos de instalar aplicacións que non sexan de confianza,
aceptando condicións e permisos que poden ser usados para atentar
contra a nosa privacidade e identidade. Por outra banda, a analista
valeuse deste exemplo para facerlles ver o útil que pode ser a
tecnoloxía como profesión para resolver situacións que supoñen un
problema moi frecuente no noso día a día. Neste sentido, ofreceu un
dato reflectido no informe que ven de publicar hai menos dun mes a
Asociación Española para a Dixitalización, onde se asegura que hai
máis de 10.000 empregos vacantes en España arredor das carreiras
STEM que non poden cubrirse porque non existen perfís profesionais
para realizar estes traballos.