Yahoo! publica unha serie de documentais con persoas que deixan a súa pegada na web

venres, 1 de xuño do 2007 Marcus Fernández

Kevin Sites é un dos xornalistas con maior sona internacional por ser o referente do xornalismo na Rede facendo de corresponsal de guerra, e agora é o conductor dunha serie de documentais publicados por Yahoo! baixo o título People of the Web (xente da web) que nos achega a persoas de especial relevancia na Rede por distintos motivos.
Polo momento a nova web xa nos achega a 5 persoeiros:
-Josh Wolf, o videoblogger que prenderon por non querer entregar á Policía unha gravación dunha manifestación antiglobalización, o que contou con moita repercusión mediática, así como solidariedade por parte doutros activistas
-Sherman Austen, o fundador de Cop Watch L.A., que decidiu denunciar na Rede a violencia policial. Así, dende a súa web publicáronse vídeos realmente escandalosos nos que se fai un excesivo uso da forza por parte de axentes de policía.
-Caleb Shikles e John Styn, avó e neto, que percorren o mundo dando apertas e publicándoas semanalmente na súa web converténdose nuns auténticos soldados do amor.
-Kirk Cameron, que tralo seu éxito na serie de televisión Los problemas crecen converteuse nun evanxelista en liña dende a web The Way of the Master.
-Mike Rogers, un activista gai que iniciou un blog que se fixo especialmente popular por sacar do armario a dúas ducias de políticos norteamericanos.
Temos así que o novo espazo en Yahoo! serve para amosar a xente que está detrás de moitas iniciativas interesantes, cunha visión obxectiva e bastante completa, á que os internautas tamén poden engadir os seus comentarios.
Kevin Sites fala sobre o seu último proxecto no seguinte vídeo:

PUBLICIDADE