Yahoo incorpora a primeira muller na súa xunta directiva

martes, 31 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Maggie Wilderotter

En España a presenza de mulleres no mundo das TIC hai tempo que é unha realidade, podendo citar como exemplos a Amparo Moraleda e a Rosa María García nas presidencias das división ibéricas de IBM e Microsoft respectivamente, o que en EE.UU. parece que se resiste a acontecer, de xeito que esta semana se incorpora a primeira muller ó cadro directivo de Yahoo.
Maggie Wilderotter convértese así na máxima responsable de comunicación cidadá do buscador norteamericano, aínda que o feito de que sexa a única muller de 11 integrantes da xunta directiva da empresa non parece un grande avance no que á diversidade de xénero se refire, aínda que no nivel administrativo da empresa a cousa está bastante máis equilibrada (cun presenza feminina do 30%).
Wilderotter xa conta “con máis de 25 anos de experiencia en empresas de telefonía, televisión por cable, informática e medios interactivos” polo que estaría sobradamente cualificada para o seu actual posto.

PUBLICIDADE