Yahoo China denuncia un antivirus que atenta contra o seu buscador

mércores, 4 de outubro do 2006

Logo de que o pasado ano Yahoo! se fixera co experto en buscas chinés 3721 Network Software por 120 millóns de dólares, o espallamento daquela compañía no mercado oriental é cada vez máis forte.De feito, o negocio de procuras de Yahoo! China ten xa preto de 300 empregados e é un dos principais portais e motores de buscas do país. Agora ben, os negocios web non son nin moito menos un camiño de rosas e entrar no mercado oriental non é cuestión de chegar e encher. Yahoo! ten que pelexar dende o verán de 2005 polo mercado chinés con Google -que investiu uns 10 millóns de dólares no país-, vén de iniciar ademais unha persecución legal contra a empresa responsable dun programa antivirus que bloquea ó chamado asistente de Yahoo!, un buscador que axuda na navegación, que identifica como ameaza ó programa recomendándolle ó usuario a súa desinstalación.
Este antivirus, coñecido como 360 Safeguard, pode ser descargado en Qihoo.com, un portal que depende da firma Beijing Sanji Wuxian Internet Technology, pertencente ó antigo director de Yahoo! China e que vén de ser denunciado por competencia desleal pola compañía norteamericana. Segundo representantes desta, a acción de Qihoo danou a reputación de Yahoo! China e os seus produtos polo que piden unha compensación de 260.000 euros así como unha desculpa pública por parte de Sanji Wuxian.

PUBLICIDADE