Yago Fandiño salienta en Santiago o valor da feitura transmedia no produto audiovisual

martes, 26 de novembro do 2013 Redacción

Este luns tiña lugar un coloquio con produtores do sector audiovisual, organizado polo Clúster Audiovisual Galego (CLAG) en colaboración co Mercado das Industrias Culturais Atlánticas (MICAtlántica) e presidido por Yago Fandiño, experto en novas tecnoloxías e responsable de Contidos Infantís de TVE-Clan. Como xa anunciaramos dende Código Cero, o dito encontro tivo lugar na compostelá Cidade da Cultura e nel Fandiño salientou a aposta da canle pública TVE de cara aos contidos infantís, que contan co compromiso da dirección e presidencia de RTVE.
Pola súa banda, o presidente do CLAG -Andrés Barbé- encargábase de abrir a sesión co epígrafe O apoio de TVE á creación de series de animación infantil, que estivo moderada pola directora de Abano Producións -Chelo Loureiro- e que congregou a unha vintena de profesionais do audiovisual. Barbé aproveitou este foro para explicarlles aos asistentes “a boa situación na que está o CLAG para actuar como paraugas do sector da animación galega” co fin de que este “volva a gozar do esplendor que tivo hai uns anos”.
Emporiso, Yago Fandiño centrou a súa intervención na aposta que está a levar a cabo a canle pública TVE polos contidos infantís. “Estamos apoiando -indicou- os novos modelos relacionados con este tipo de contidos”. Tendo en conta o cambiante do panorama audiovisual e o principio de servizo público que obriga a TVE a ofrecerlles aos espectadores contidos de calidade e con “valores”. En relación aos contidos, Fandiño dixo que estes deben adoptar as distintas maneiras de consumir dos máis pequenos, xa que os nenos achéganse con “total naturalidade” ás últimas tendencias, incluíndo as novas tendencias tecnolóxicas. No transcurso da sesión, Yago Fandiño explicoulles tamén aos asistentes como desenvolve a súa canle pública o proceso de escolma dos proxectos infantís que vai apoiar, e que elementos diferenciadores buscan para as vindeiras convocatorias.
Asemade, advertiu que é imprescindible achegar unha boa historia e que o produto teña unha derivada transmedia; factor que está a ser moi valorado tamén nos mercados internacionais. No entanto, os produtores dos proxectos apoiados atoparán en TVE amais de investimento, apoio en todo tipo de foros e a “mellor” xanela para o seu produto, achegada pola marca Clan, que inclúe múltiples pantallas (canle TV, web, apps, etc.). Informar que na actualidade, TVE ten aberta unha nova convocatoria para a presentación de proxectos de contidos infantís. Neste senso, o responsable de Clan explicou que se pasou de facer dúas convocatorias ao ano a unha única convocatoria anual, e avanzou que de aquí en diante váiselles esixir aos produtores que presenten uns plans de financiamento e de negocio máis elaborados dos seus respectivos proxectos. E dende o panorama galego, Chelo Loureiro advertía que é preciso que do 6% que TVE inviste na compra de cinema español, se encamiñe unha parte á adquisición de animación. Para a produtora galega “temos moito talento e boas historias coas que competir nos mercados internacionais”. Así mesmo, a directora de Abano Producións asegurou que é fundamental que as distintas televisións públicas colaboren en potenciar os contidos de animación e, en canto ás televisións comerciais, advertiu que se lles debe obrigar a que cumpran coa programación infantil nas súas grellas.

PUBLICIDADE