Xuventude estrea un novo portal de información para os mozos

mércores, 6 de xuño do 2007 Marcus Fernández

A Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil cambia a súa cara na Internet, de xeito que a web baixo o dominio rix.org pasaralle o relevo a xuventude.net na súa labor informativa, segundo anunciou Rubén Cela, director xeral de Xuventude.
O novo portal pretende achegar máis información e busca a participación dos mozos, no que é unha aposta para “mellorar a calidade e a cantidade da información”, deixando de cinguirse só a cuestións relacionados coa Dirección Xeral de Xuventude e incluíndo unha perspectiva transversal de xeito que tamén se inclúen temas de sanidade, ensino emprego ou vivenda pois “á mocidade aféctalle e preocúpanlle os temas que afectan e preocupan a toda a sociedade”.
A actualización deste novo portal realízase en boa media grazas a “200 colaboradores estables” repartidos por toda Galicia, mentres que os mozos interesados tamén poderán acceder a unha quenda de correo dende a que recibir avisos sobre as novidades dos temas que resulten do seu interese. Incluso poderán participar nun novo espazo chamado Exprésate! que se converterá nunha galería virtual no que terán cabida todo tipo de expresións artísticas.
Os mozos tamén poderán achegar consultas a través da nova web, que serán respondidas en menos de 48 horas.

PUBLICIDADE