XoveTIC 2022 premia cinco novos e puxantes proxectos dos nosos novos investigadores

martes, 11 de outubro do 2022 S. P.

A semana pasada o CITIC converteuse no gran referente galego e e estatal en materia de novo talento investigador tecnolóxico. Foi grazas á celebración do Congreso XoveTIC, que organizou o Centro de Investigación TIC da UDC por quinto ano consecutivo, xuntando unha parte moi relevante do persoal investigador mozo de España e Portugal que traballa no ámbito das novas ferramentas. O resultado foi que máis de 50 proxectos de Intelixencia Artificial, análise da información a gran escala (Big Data), computación de altas prestacións (High Performing Computing), servizos e redes intelixentes e ciberseguridade déronse a coñecer neste encontro, tanto en formato de comunicación oral como póster.
O obxectivo foi promover o “intercambio de experiencias e coñecementos nun ambiente distendido, que fomenta a colaboración”, segundo destacou o director do centro, Manuel F. González Penedo.
Nesta edición, na que se retomou a presencialidade tras dous anos celebrándose en liña debido á pandemia, tivo un especial protagonismo a elevada participación de investigadoras e investigadores da UDC, arredor dun 70 %, complementada con traballos doutras universidades españolas, a de Alcalá de Henares e a de Sevilla; e mesmo o carácter internacional, con presenza de proxectos de universidades do norte de Portugal.
Premios
O congreso XoveTIC recoñece anualmente, con axuda económica, os cinco proxectos máis valorados polo comité científico en áreas ou liñas de alto interese e impacto social. Este ano, os traballos premiados, con atención á saúde de persoas discapacitadas e á educación infantil, foron os seguintes:
-Low-cost, scalable IoT technology for real-time streaming network auditing, de Pedro Fernández-Arruti da UDC, entregado polo Clúster TIC de Galicia, sobre tecnoloxía evolucionábel e adaptábel de baixo custo para a auditoría de redes de transmisión en tempo real.
-Testing and Analysis of Self-Sovereign Decentralized Digital Identity Technology, de Pablo Santos da UDC, sobre análise de tecnoloxía de identidade dixital, patrocinado polo CPEIG.
-Smart bracelet for anxiety, de persoal investigador da Universidad de Sevilla, encargado de presentar un modelo de pulseira intelixente para a ansiedade.
-Assessment of selective attention in children through Digital Teddy: preliminary study, proxecto centrado en atención selectiva en nenos, de Irene González Eiroa da UDC e patrocinado polas cátedras institucionais vinculadas á Facultade de Informática da UDC.
-E, por último, o proxecto sobre un robot asistente en procesos de rehabilitación para persoas con discapacidade Assistant Robot for Gait Rehabilitation in People with Disability, entregado pola Fundación CITIC de Galicia a Manuel Lagos da UDC.
Colaboracións
O encontro, orientado á busca de talento investigador novo no eido das TIC, conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Facultade de Informática da UDC, a Universidad de Oviedo, a Universidad Politécnica de Madrid, a Universidade de Porto e AtlantTIC da Universidade de Vigo. Os premios están financiados polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Clúster TIC de Galicia, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Fundación CITIC de Galicia e as cátedras institucionais da Facultade de Informática (Cátedra Aldaba WIB, Cátedra NTT Data en Diversidade e Tecnoloxía, Cátedra R en Ciberseguridade e Cátedra CICAS).

PUBLICIDADE