Xornal agasalla 50 euros para poñer anuncios en Google

xoves, 26 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

Xornal de Galicia quere afondar na súa estratexia de atopar meirande equilibrio e axuda mutua entre as edicións en papel e as dixitais. Dito doutro xeito: un camiño estratéxico que non signifique que a balanza caia de maneira exclusiva a favor da web, senón a prol dos dous formatos. Para o seu caso concreto de canle de comunicación dual (con xornal e espazo en liña), á discutida pero arriscada manobra posta en marcha para potenciar os seus contidos en papel, hai que engadir agora unha serie de agasallos virtuais aos que só poderemos acceder sempre e cando nos fagamos coa publicación física. Podémolo ver na edición deste xoves 26, na que se ofrece un código que, unha vez dado de alta en Google AdWords, permítenos tirar partido deste servizo para publicar os nosos anuncios.
Máis polo miúdo, o obxectivo de Xornal é animar aos seus lectores a descubrir “as posibilidades da promoción en Internet cun cupón por valor de 50 euros para crear a súa primeira campaña en liña”. Co fin de botar un pouco de luz sobre a importancia de estarmos na Rede e máis concretamente no dito servizo de Google, Xornal faise eco das opinións do blogueiro galego Enrique Dans, quen asegura quen en España máis do 95% dos clientes acoden a buscar información a un único lugar, o buscador Google.

PUBLICIDADE