Xornadas abertas de introdución ao software libre na Coruña

xoves, 13 de novembro do 2008 Raquel Noya

A Oficina de Software Libre da Universidade da Coruña vén de anunciar a celebración dun obradoiro de introdución ao Software Libre, que terá lugar en dúas sesións independentes na tarde de hoxe, xoves, e de mañá venres, 14 de novembro.
Ámbalas dúas sesións (que terán absolutamente os mesmos contidos, é dicir, unha será a repetición da outra), impartiranse na planta 0 da Facultade de Informática da UDC, no campus de Elviña, en horario de 18:00 a 21:00 horas e estarán abertas a tódolos interesados sen excepcións, tanto que sexan universitarios ou non, cun nivel de coñecementos informáticos de usuarios novel para arriba.
Este obradoiro-curso está incluído dentro das actividades da Semana da Ciencia e desenvolverase baixo o título Para que pagar por algo que tes libre e de balde. Proba o Software Libre, co que se pretende achegar este tipo de aplicacións abertas a todo o público asistente.
Os organizadores animan aos asistentes a que leven o seu ordenador portátil para instalar nel o sistema operativo libre, Ubuntu 8.10 Intrepid Ibex, que lle dea soporte ao resto de aplicacións libres das que se falarán nas xornadas.
Logo da instalación dos programas libres, os relatores convidados levarán a cabo un percorrido por diferentes nocións básicas, como a instalación e a configuración dun sistema operativo, a instalación de programas e a configuración da rede, entre outras actividades de utilidade para os asistentes.

PUBLICIDADE