Xornada sobre sinatura electrónica de man do CPEIG, en Compostela

venres, 12 de decembro do 2008 Raquel Noya

A sinatura dixital supón, na actualidade, un gran potencial no eido da eAdministración debido ás súas características de confidencialidade, autenticidade e integridade, que a converten nunha ferramenta de grande utilidade para tódolos internautas. Para dar conta das innumerables vantaxes desta aplicación, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai celebrar, mañá sábado 13 de decembro en Santiago de Compostela, a xornada Uso da Certificación Dixital e Sinatura Electrónica, á que está previsto que asistan uns 50 colexiados.
A sesión formativa desenvolverase en horario de mañá no Hotel Porta do Camiño e seguirá o seguinte programa:

10.45 h.Presentación da xornada
Fernando Suárez Lorenzo
Presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en
Informática de Galicia (CPEIG)
11.00 h. Conceptos de certificación e sinatura electrónica
Paz Cariñena Amigo
Bahía Software
13.00 h. Probas de uso de certificados dixitais
Gonzalo Mateo Sixto
Bahía Software
14.00 h. Clausura das xornadas
Juan Antonio Valiño García
Secretario do Colexio Profesional de Enxeñaría en
Informática de Galicia (CPEIG)

Os relatores e relatoras convidados a esta xornada, realizarán un repaso ás nocións básicas de criptografía de clave pública e introducirán aos asistentes nos conceptos xerais de certificación e sinatura dixital.
Asemade, abordarán as autoridades que interveñen no proceso de emisión, xestión e validación de certificados así como os dispositivos de sinatura electrónica e presentarán o estado da arte da sinatura electrónica, detallando o custo asociado á mesma e as posibles incompatibilidades dos cartóns criptográficos nos distintos sistemas operativos.
Os asistentes tamén poderán dar conta de demostracións do emprego do eDNI en contornos Windows e Linux, de gravación, lectura e eliminación de certificados de cartóns criptográficos e importación de certificados a navegadores, entre outras aplicacións.

PUBLICIDADE