Xorden problemas co S Pen do Galaxy Note 5

martes, 25 de agosto do 2015 Marcus Fernández

De cando en vez xorden polémicas sobre smartphones de alta gama nas súas primeiras semanas no mercado, dando conta de defectos de fabricación como o AntennaGate ou o BlendGate dos iPhone, e nas últimas horas parecían querer arroxar unha sombra semellante sobre o novo Samsung Galaxy Note 5, dando a coñecer un suposto fallo de deseño que tería graves consecuencias para algunhas funcionalidades do terminal.
Falamos concretamente a rañura para inserir o S Pen, o lapis dixitalizador que inclúe o Galaxy note 5, que presentaría a mesma resistencia ao introducir o accesorio no teléfono ao dereito que ao revés, polo que usuarios despistados poderían provocar que ao introducir o S Pen coa punta cara afora este se atascase. Aínda que en moitos casos isto non sería grava, en varias ocasións a neglixente operación chegaría a quebrar o mecanismo dentro da rañura que detecta se o lapis está enganchado ou non no teléfono.
Pero neste caso non estariamos nunha situación semellante ao AntennaGate (coa mala desculpa de Apple asegurando que os usuarios collían mal o teléfono), senón que o sentido de introdución do S Pen é algo detallado especialmente no manual do smartphone, advertíndose incluso que introducir o lapis ao revés podería estragar o S Pen e o terminal.
En vista da resposta por parte de Samsung parece claro que o fabricante non retirará terminais do mercado, pero o que non sería sorprendente é que redeseñasen lixeiramente a rañura do lapis para evitar acumular incidencias cun smartphone tan popular, especialmente entre o público corporativo.

O manual do Galaxy Note 5 advirte dos problemas que pode provocar introducir o S Pen ao revés

Vídeo no que amosan o problema detectado coa rañura do S Pen

PUBLICIDADE