Xopers.com: a rede social galega sobre comercio en liña

venres, 15 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Cómpre quedármonos con este nome: Xopers.com. E cómpre facelo por varios motivos, comezando por un que consideramos de peso: trátase de algo desenvolvido dende a nosa terra. Máis en detalle e segundo contan dende SectorTICGalicia, estamos perante unha nova rede social de raizame galega, a engadir a experiencias de éxito demostrado como Cabozo ou ikiMap, e que busca apoio nun elemento que non sempre é doado de atopar ou de ver: a utilidade. Sobre isto, a utilidade de Xopers.com semella tamén probada. De feito, baséase en algo no que case todos estamos metidos pero que é grande e complexo de máis como para movérmonos con total confianza. Falamos do comercio electrónico, unha lea que grazas a Xopers semella máis doada.
A rede xorde coa fin de dar acubillo a quen queira publicar produtos que atope pola Internet e dalos a coñecer a quen teña os mesmos gustos. Estas afinidades lógranse co simple feito de concorrer na rede social, xa que cada vez que merquemos un produto nunha tenda en liña achegaremos información sobre os nosos gustos.
Todo isto que sobre o papel non parece ter moita importancia, si que a ten para os que veñen detrás, os internautas de tendencias semellantes que andan a procura de guía e consello. Segundo se fai saber dende Xopers.com, todo comprador soe ter inclinacións previas, fiábeis para outros compradores, polo que estariamos a falar dunha información de moito valor para persoas con gustos semellantes. Esta é a clave de Xopers.com: tirar proveito do devandito con feitura de seguimentos. Así, quen estea rexistrado, pode ver o que fan outros membros para constituír deste xeito as súas propias listaxes persoais, que lles recomendarán a continuación outras posíbeis compras.
Segundo informan dende a comunidade en liña, Xopers.com non só ofrece a opción de compartir artigos con outras persoas, senón que tamén promove a comunicación entre eles. Para conseguir un fluxo de intercambio de datos permanente, os membros poden empregar arreo a ferramenta de publicación de estados, na que con 140 caracteres os usuarios teñen a opción de deixar mensaxes a tódolos seus seareiros.

PUBLICIDADE