Xogospopulares.com acada o Premio Galicia de Xornalismo Deportivo na categoría de Internet

xoves, 4 de outubro do 2007 Raquel Noya

A Federación Galega de Prensa Deportiva vén de dar a coñecer os galardoados nos III Premios Galicia de Xornalismo Deportivo, que dende hai tres anos recoñecen o labor informativo no eido dos deportes e nas categorías de: prensa escrita, radio, audiovisual, fotografía, igualdade e Internet.
Neste último apartado resultou gañadora a páxina web xogospopulares.com pola súa capacidade “para recuperar e manter as tradicións dos xogos populares en Galicia”.
Este portal, que entre outras cousas ofrece documentación sobre os xogos tradicionais galego-portugueses con bibliografía e contactos, contén novas actualizadas de convocatorias e resultados de competicións organizadas en Galicia e nel publícanse artigos de opinión sobre a orixe de xogos populares na cultura do país.
Os visitantes deste web non atoparán información relativa a videoxogos de ningún tipo, mais si datos de toda índole referentes a actividades como a Chave, a Porca, a Rá, as Chapas, a Estornela, a Billarda, o Tres en raia ou o Turra-soga. Estes son os xogos máis populares que se recollen nesta web, xunto con outros menos coñecidos dos que seguramente nin temos oído falar. Xogospopulares.com fai resencións de todos eles, coa información relativa ás normas, ó lugar de orixe, ó xeito de xogar e incluso acompañan algunha imaxe que ilustra as ferramentas que se empregan neles.
A web premiada, co fin de recadar máis xogos e deportes tradicionais, deixa un espazo para pendurar documentos ou outros artigos de interese de xeito que os internautas que o desexen colaboren nesta recolleita de cultura tradicional de gran valor.

PUBLICIDADE