Xiaomi prepara a súa solución de realidade virtual

xoves, 4 de agosto do 2016 Marcus Fernández

O cartón de Google abriu un xeito económico e orixinal de abrirse á realidade virtual, pero esta solución precisa do uso de ambas mans para poder gozar das experiencias inmersivas, polo que pouco tardaron en chegar de numerosos fabricantes cascos de realidade virtual fabricados en plástico e con correas para facilitar a súa suxeición na cara, negocio no que está a preparar a súa entrada Xiaomi, dun xeito bastante completo.
Para comezar, Xiaomi presenta as súas lentes Mi VR, que permiten albergar no seu interior un smartphone con pantalla de entre 4,7 e 5,7 polgadas, que queda ben asegurado no seu interior mediante un peche de cremalleira, que incluso consegue un tacto agradable grazas ao recubrimento en tea de lycra (que contará con coloridos deseños alternativos) e que non se limita ao hardware. Xiaomi está a traballar nunha plataforma de contidos en realidade virtual, que van dende producións en 360 graos até vídeos tradicionais que poderán verse como se estivésemos nunha sala cinematográfica, así como tamén resulta moi axeitado para a reprodución de vídeos en 3D.
Este accesorio mide 201 x 107 x 91 milímetros, pesa 208,7 gramos e conta tanto cun botón metálico na súa parte superior como unhas correas que permiten suxeitalo na cabeza e, polo momento, trátase dun produto en probas, que probablemente teña un prezo de venda un chisco superior aos 6 euros cando chegue ao mercado, podendo conseguir certo éxito pola súa combinación de prezo e confortabilidade.

O Mi VR conta con correas para poder empregar as lentes a xeito de casco de realidade virtual

PUBLICIDADE