Xiaomi podería contar cunha tenda oficial en Madrid

luns, 2 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Que Xiaomi superase en número de smartphones vendidos a Apple en España non debería pillar por sorpresa a ninguén, pese a non contar con distribución oficial no noso territorio, pero o fabricante chinés vai ter as cousas máis doadas nos vindeiros meses, se atendemos á información publicada por Cinco Días, medio que asegura que no mes de novembro Xiaomi abrirá a súa primeira tenda oficial.
Ao parecer, Xiaomi abriría o seu primeiro establecemento español no centro comercial de Xanadú en Madrid, e sería o primeiro de varios que estarían repartidos pola xeografía española dentro dunha campaña de expansión internacional.
A apertura dunha tenda de Xiaomi sería unha grande nova para os amantes da marca, xa que non só garantiría a dispoñibilidade de moitos dos produtos da marca (que non se limita a smartphones, senón que ten un amplo abano de produtos de electrónica de consumo entre os que non faltan drons e patíns eléctricos), senón que tamén daría a seguridade de contar con garantía europea e servizo técnico, así como poder ver e tocar os produtos antes de adquirilos.
Pese a que a nova difundida asegura que a tenda será de Xiaomi, non parece que sexa unha afirmación moi rigorosa, e o máis probable é que esteamos ante unha tenda autorizada ou Authorized Reseller, como a que vén de abrir en Atenas (e que pertence realmente á compañía Info Quest Technologies), ou sexa, que podemos entender que a presenza de Xiaomi en España pasaría a ser semellante á de Apple en Galicia (onde non temos ningunha Apple Store, pero si varios Apple Reseller).

PUBLICIDADE