Xiaomi lideraría en potencia o mercado de móbiles con Android

luns, 6 de agosto do 2018 Marcus Fernández

O Mi Black Shark sitúase como líder en potencia no mes de xullo segundo Antutu

Aínda que os sistemas que miden rendemento puro dos smartphones non dan unha boa idea da experiencia de uso dos mesmos (xa que depende de moitos outros factores que a forza bruta dos seus procesadores), as puntuacións que reflicten os benchmarks é moi importante á hora de saber cal son os dispositivos máis potentes, sendo un dos grandes referentes a nivel mundial Antutu, compañía que vén de publicar os resultados dos seus tests correspondentes ao mes de xullo, confirmando que os fabricantes chineses están a liderar en Android, quedando especialmente en boa posición Xiaomi, que consegue ocupar as posicións 1, 3 e 7 en desempeño.
A listaxe cos smartphones máis potentes sería resultado de mais de 1.000 mostras por modelo realizadas con Antutu Benchmark v7 ao longo do mes de xullo, quedando en primeira posición o Mi Black Shark con 288.187 puntos. Este é o primeiro móbil de Xiaomi para gamers, que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 845 e 6/8 GB de RAM e consegue colocarse por diante en potencia doutros terminais que custan máis do dobre do seu prezo. Co mesmo procesador funcionan o OnePlus 6, que consegue unha puntuación de 284.830, o Mi 8, con 271.372 puntos, o Asus ZenFone 5Z (267.257 puntos), o Samsung Galaxy S9+ (264.115 puntos), o Sony Xperia XZ2 Compact (261.448 puntos), o Mi MIX 2S (259.788 puntos), o Sony Xperia XZ2 (255.217) e o LG G7 ThinQ (254.010 puntos), de xeito que o único terminal que se coaría no Top 10 cun procesador diferente sería a versión do Samsung Galaxy S9+ cun procesador Exynos 9810, o que pode dar a entender que en agosto, co lanzamento do Samsung Galaxy Note 9, a cousa podería cambiar, e poderíamos ver o novo móbil de Samsung destacando a relación de móbiles de Antutu.
Dende Antutu queren matizar que outros móbiles que si merecerían destacar, pero aínda non conseguen ter representatividade estatística por venderse só no mercado chinés, serían o Oppo Find X e o Vivo NEX.

O Top 10 de Antutu destaca o dominio dos procesadores Qualcomm Snapdragon 845 entre os móbiles máis potentes con Android

PUBLICIDADE