Xiaomi despide a preto do 10% dos seus traballadores na China

martes, 20 de decembro do 2022 Marcus Fernández

Tras uns anos en constante crecemento até converterse no fabricante de móbiles líder en España, Xiaomi sorprende cunha medida inédita no fabricante chinés: vai despedir a preto do 10% do seu cadro de persoal.
A compañía chinesa asegura que está a realizar unha optimización do negocio, pero son os propios traballadores os que están a dar conta en redes sociais dos despedimentos, que afectan principalmente ás divisións de smartphones e servizos en liña.
A redución de persoal sería consecuencia dunha baixada nas vendas de móbiles en China por mor dos confinamentos e da caída do consumo. De feito, as vendas de smartphones caeron a nivel global para todas as marcas, de aí que sexa necesario realizar axustes.
Haberá que ver como afecta todo isto aos traballadores fóra de China, e se tamén terá impacto na evolución da marca, que aspiraba a superar a Apple a nivel global nun par de anos.

PUBLICIDADE