Xesol e Situm, finalistas na competición internacional South Summit 2019

mércores, 7 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

O equipo de Situm nas instalacións do Edificio Emprendia no Campus Sur de Santiago

A prestixiosa competición internacional South Summit 2019, da que xa se coñecen os 100 finalistas, vai ter unha notábel presenza galega. Así, amais da participación de Appentra, de cuxa presenza no acontecemento dimos conta a semana pasada dende Código Cero, tamén formarán parte do mesmo Xesol Innovación e máis Situm. A primeira, Xesol, foi seleccionada polo seu importante labor na procura der respostas avanzadas para o sector da mobilidade intelixente e os vehículos autónomos e conectados, consistindo a súa metodoloxía en permitir que as TIC minimicen ao máximo a marxe de erro dos condutores. A segunda, Situm, foi quen de desenvolver unha tecnoloxía de localización en interiores da máxima eficacia, presente arestora nunha chea de aplicacións, lugares e dispositivos.
As iniciativas finalistas foron seleccionadas entre os máis de 3.700 proxectos presentados para a competición.
Un comité encargado de proceso de avaliación estivo formado por 150 expertos, que tiveron en conta parámetros e características como o nivel de innovación de cada achega, a súa capacidade para adaptarse a diferentes contornas e evolucionar no tempo (o que se coñece como escalabilidade), a súa capacidade interna para medrar, o equipo de profesionais que participan no proxecto e o interese investidor que este pode xerar.
South Summit é a maior exposición empresarial do sur de Europa, que reúne as máis prometedoras startups e empresas e axentes de investimento internacionais entre os días 2 e 4 de outubro de 2019 en Madrid.

PUBLICIDADE