Xacobeo.es toma forma de blog

mércores, 9 de setembro do 2009 Marcus Fernández

A promoción do Xacobeo leva moitos anos aproveitando a web, e a súa páxina web propia cambiou de feitura en cada celebración do Ano Santo, pero agora dende Chuza! sorprenden ao advertir que a versión actual do espazo electrónico da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo transformouse nun blog no que recollen consellos para os futuros peregrinos, información sobre o Camiño, unha selección de vídeos de YouTube, fluxo de anotacións en RSS e incluso a posibilidade de acceder aos contidos en galego, español e inglés.
O Blog do Xacobeo xa leva un tempo activo, e busca «a interactividade e as posibilidades de participación, propias do universo blog», de xeito que non só servirá para acceder a información publicada polos responsables do Xacobeo, senón que tamén permitir que os peregrinos abran o seu propio blog para contar as súas experiencias no Camiño, e compartan así parte do vivido valéndose desta ferramenta.
Supomos que o acceso ao devandito blog dende Xacobeo.es é algo eventual, para ofrecer información viva antes da elaboración da páxina web que servirá de cara para Plan Xacobeo 2010.

O Xacobeo tomou distintas feituras na web nos últimos anos

PUBLICIDADE