Xa se pode votar en liña pola peor empresa do mundo

mércores, 26 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

Xa é hora de votar en liña pola peor empresa do ano pasado: algo que moitos de nós estamos desexando facer pero non sabemos en que porta petar para dar a nosa opinión. Unha vez máis, Greenpeace, a Declaración de Berna e Amigos da Terra veñen de poñernos as cousas doadas a través dos premios Ollo Público, un certame que se convoca dende 2000 e que consiste en recoñecer (negativamente) ás compañías que tiveron o pero comportamento no que a respecto polos dereitos das persoas e a substentabilidade da natureza se refire. A edición 2011 destes galardóns, cuxa resolución coincide co Foro Económico Mundial de Davos (Suíza), está aberta á entrada en xogo dos internautas. É dicir, calquera de nós pode votar en liña sobre un destes greatest hists da riqueza propia a costa da pobreza de tódolos demais: Neste Oil, Axpo, AngloGold Ashanti´s, BP, Foxconn e Philip Morris.
Segundo se nos conta dende Salva la Selva, malia que por diversos motivos calquera das empresas devanditas merece algo máis que un correctivo, é Neste Oil quen sen dúbida debería ser sinalada este ano como a peor empresa do ano. O motivo? Pois, para quen non o saiba, trátase dunha firma enerxética finesa que pasa por ser arestora a maior procesadora e produtora de agrocombustibles do mundo, proba disto é o amplo tecido de gasolineiras que está a habilitar no eido europeo, distribuíndo dende elas un produto teoricamente verde. Isto polo que respecta ao papel, porque na realidade, informan, trátase dun paso máis na devastación dos grandes espazos naturais de Indonesia e Malaisia, onde se substitúen as masas arbóreas propias de seu por macroplantacións de palma, necesaria para a obtención de biodiesel. Que achega todo isto? Queimas sen control, desprazamentos demográficos e destrución de hábitats.

PUBLICIDADE