Xa podemos votar por Vilapoupre no concurso #enREDatupueblo de Hispasat

venres, 12 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

A parroquia de Vilapoupre, en Antas de Ulla (Lugo), está a competir con outras 13 localidades do ámbito estatal no concurso convocado por Hispasat para facer ver a necesidade de equipar con acceso á Rede vía satélite a unha manchea de contornas xeográficas rurais. O concurso, do que xa falamos en Código Cero salientando a súa vontade de visualizar o problema do baleiro dixital no que viven moitas persoas, está xa na súa recta final. De feito, este vindeiro 17 de maio, coincidindo co Día Mundial de Internet, saberemos os nomes das tres vilas, aldeas ou parroquias finalistas. A que acade máis votos nas redes sociais e na web do proxecto, será a gañadora. Dende aquí, por suposto, facemos un chamamento para votarmos por Vilapoupre, o único núcleo de poboación galego que compite. Podemos facelo en hispasatconectate.es. O premio será conexión de banda larga por satélite para acceder a Internet de 30 Mbps durante un ano e de balde.
Con este concurso, o operador español de satélites de telecomunicacións quere “axudar a reducir a fenda dixital e fomentar o uso do satélite como alternativa tecnolóxica para levar conectividade de banda larga a zonas remotas ou despoboadas de España onde non hai acceso a Internet ou é de baixa calidade”. No certame tamén se quere pór de manifesto o potencial da dita tecnoloxía aeroespacial para emendar o problema, xa “que está dispoñíbel en condicións de calidade e prezo homologábeis ás das redes terrestre”, engade a compañía.
Ao peche da convocatoria inscribíronse no concurso dúas ducias de entidades singulares de poboación, arestora sen conexión dixital de boa calidade. Finalmente 14 deles cumpriron todos os requisitos e presentaron proxectos que poden optar ao premio: Almonaster La Real (Huelva), Aracena (Huelva), Boadella i Les Escaules (Girona), Fasnia (Santa Cruz de Tenerife), La Herguijuela (Ávila), Linares de Mora (Teruel), Magaña (Soria), Oliete (Teruel), Orea (Guadalajara), Rivilla de Barajas (Ávila), Uclés (Cuenca), Valle de Manzanedo (Burgos), Vilapoupre (Lugo) y Yernes e Tameza (Asturias).
A idea do concurso é que os participantes expresasen de maneira orixinal os beneficios que suporía a chegada de Internet ás súas localidades, para o que podían enviar todo tipo de pezas de calquera índole e formato, en versión analóxica ou dixital (fotografías, vídeos, cancións, collaxes, narracións orais ou escritas, etc.), que recollesen exemplos diversos de melloras que esta conectividade podería orixinar en distintos aspectos da vida do concello: saúde, educación, cultura, negocios, comunicación ou vida persoal, entre outros.
“No caso de Vilapoupre”, explicaba hai uns meses a empresa de telecomunicacións, “os veciños puxeron de manifesto a desigualdade de oportunidades que sofren debido á falta de acceso a Internet e o freo ao desenvolvemento económico e social que iso supón, unha situación que contribúe a provocar a emigración da poboación máis nova das zonas rurais das provincias galegas”.
Unha vez pechado o prazo para presentar os proxectos, un comité de selección elixirá o tres finalistas, que se darán a coñecer o 17 de maio, coincidindo co Día Internacional de Internet. A partir desa data e até o 27 de maio, os usuarios das redes sociais e os visitantes da web do proxecto Conéctate poderán votar ao pobo gañador. O fallo definitivo farase público o 29 de maio.

PUBLICIDADE