Xa podemos votar na cuarta edición de A Polo Ghit

martes, 2 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

Tal e como dixemos hai uns días, a cuarta edición do concurso musical A Polo Ghit, organizado por Vieiros e a Radio Galega, xa está en marcha. Entre outras cousas, isto significa que se poden enviar candidaturas (cancións que opten ao recoñecemento final: ser condecoradas co título simbólico de canción galega do verán) e que, a nivel usuario rexistrado, é posible achegar comentarios e votos sobre os temas presentados. Por certo que é neste último punto onde hai novidades: os internautas xa poden dar a súa opinión sobre os seis temas que inauguran esta edición do certame: Obsesión (dos John Deeres), Don Quixote 2009 (de Fachenda Galega), Xoán (de Alumetes), O galo de curral (Esquíos), Un día puideches reinar (Labazada) e Enerxía Equivocada (de Magritte).
Por certo que o prazo para enviar cancións ao certame pecha o mércores 29 de xullo.
Cómpre lembrar que as pezas poden achegarse á organización de dous xeitos principais: a través dos enderezos apologhit@crtvg.es e apologhit@vieiros.com (en formato MP3 cun bitrate mínimo de 245 kps un cun vídeo) ou en soporte físico a Extrarradio, Radio Galega, San Marcos, 15.820 Santiago de Compostela ou a Vieiros, Rúa do Pombal, 43, soto, 15.750 Santiago de Compostela.
Lembrar tamén que para participar no certame é preciso que os temas presentados estean en galego, sendo necesario que os arquivos veñan acompañados dos datos dos responsables do tema musical, un breve texto descritivo, a letra da canción e fotografías da banda ou solista.

PUBLICIDADE