Xa podemos ver en Lingua.gal o vídeo-clip de A Banda da Loba en homenaxe a Xela Arias

luns, 8 de marzo do 2021 S. P.

A semana pasada lanzouse á Rede un novo e destacado audiovisual para conmemorar a figura da escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Xela Arias, que tería cumprido o día 5 deste mes 49 anos. Estamos a falar do vídeo clip Intempériome, achegado pola formación feminina A Banda da Loba. O lanzamento vén ademais co engadido extra de formar parte das celebracións galegas do Día Internacional da Muller (este 8 de marzo). O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou ás integrantes de A Banda da Loba na rolda de prensa de presentación. O vídeo está dispoñíbel no Portal da Lingua (Secretaría Xeral de Política Lingüística). Xa superou as 3.500 reproducións en só tres días de estar online.
O tema musical pertence ao EP Hasme oír que prepara A Banda da Loba en homenaxe á poeta sarriá no marco da programación institucional das Letras Galegas 2021 dedicadas a Xela Arias.
Nas vésperas da celebración do 8M e con motivo do 59º aniversario do nacemento da escritora, a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal de Sanatiago acolleu a rolda de prensa de presentación, na que participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
“Celebramos unha autora intensa de vocación feminista, transgresora e pioneira, tanto na estética como na poética, unha muller que de seguro se sentiría identificada e correspondida no tributo destas cinco voces talentosas e creativas que xa ocupan un lugar de seu no eido da música máis actual cantada en lingua galega”, destacou Valentín.
No acto participaron tamén as compoñentes da formación, Xiana Lastra, Andrea Porto, Marcela Porto, Inés Mirás e Estela Rodríguez; Amparo Castaño, Lois Arias e Darío Gil, nai, irmán e fillo da autora, respectivamente; e o director da Biblioteca Ánxel Casal, Jesus Torres.
A peza Intempériome é o vídeo dunha canción que fala de deixar atrás os prexuízos e os estereotipos e afondar na persoa que queremos ser, con liberdade e respaldada pola rede dos afectos. Unha idea que quixeron representar neste vídeo a través da evolución dunha muller que, co que vai aprendendo co paso dos anos, adquire as ferramentas necesarias para avanzar e coidarse a medida que se fai máis vella.

Vídeo musical de A Banda da Loba

PUBLICIDADE