Xa podemos presentar webseries ao Carballo Interplay, que vén con 5.000 euros en premios

venres, 2 de novembro do 2018 Redacción

A sexta edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay vén de abrir prazo de inscrición de contribucións: series en liña xa consolidadas ou proxectos de series dixitais. A nova entrega do certame, que como lembraremos desenvolverase os días 3, 4, 5 e 6 de abril de 2019, repartirá máis de 5.000 euros en premios. As creadoras e creadores poden enviar as súas achegas desde hoxe mesmo e até o 18 de febreiro a través da web www.carballointerplay.com, de maneira cen por cen de balde.
Segundo informa a organización, as webseries participantes deberán ser producidas entre os anos 2017 e 2019 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento da súa inscrición. Amais, poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou de animación, estatais ou internacionais.
Entre as series recibidas, un xurado composto por profesionais do sector audiovisual e da cultura premiará a mellor webserie, a mellor webserie internacional e a mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría. As eleccións do xurado novo e do público obterán 400 euros e trofeo, cada unha. Tamén haberá un premio ao mellor guión e un premio á mellor dirección, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse trofeos á mellor actriz e ao mellor actor.
Ademas, o Carballo Interplay ofrecerá (por terceiro ano consecutivo) un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto de webserie en galego. O galardón resolverase cun pitching en directo durante o festival e a dotación económica deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da webserie premiada, que se proxectarán na sétima edición do festival.
A organización do CIP (o Concello de Carballo e as cineastas Sonia Méndez e Sandra Lesta a través de Interplay Produccións) lembra que o CIP é a día de hoxe un referente en contidos dixitais, recibindo cada ano, na súa sección oficial, máis de 140 webseries de todo o mundo.

PUBLICIDADE