Xa podemos participar na nova entrega de Aprendo Programando, o certame para potenciar o ensino TIC
venres, 5 de maio do 2017
Un certame para o lecer e para a formación TIC,
collendo polo camiño onde conflúen ambos mundos. Este é o alicerce
de Aprendo Programando, a iniciativa do Colexio Profesional de
Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) que vai pola
súa segunda edición e que se se dirixe a centros escolares de
Galicia ao obxecto de integrar no seo do sistema educativo “o
crecente emprego das novas tecnoloxías na nenez e na adolescencia”.
Pois
ben, segundo informa o CPETIG xa está aberto o prazo de inscrición
para as rapazas e rapaces que queiran participar. A iniciativa
desenvólvese este ano baixo un significativo epígrafe, por amosar
unha clara intención de tirar abaixo, coas TIC, todo tipo de fendas
e brechas de exclusión e discriminación: Convivir en igualdade.
Segundo engade a entidade profesional que preside
Marcos Mata, a iniciativa representa “unha oportunidade para o
alumnado de primaria e de ESO, que a través do concurso vai
desenvolver habilidades mentais, ligadas ao pensamento computacional,
mediante a aprendizaxe da programación sen necesidade de coñecer
unha linguaxe concreta”. Baixo o punto de vista do CPETIG, o ensino
de novas tecnoloxías en idades temperás ten “un efecto inmediato
e directo na consecución da competencia dixital”, facilitando aos
escolares ferramentas que lles son útiles para enfrontarse aos seus
retos persoais, académicos e posteriormente profesionais.
O concurso está aberto a tódolos centros
escolares de Galicia. Nel poden participar alumnos e educadores,
facendo cousas como formarse en programación a través do Scratch ou
buscando a superación tanto a nivel persoal coma colectivo. Segundo
lembra o CPETIG, cada centro participante terá que entregar, nos
prazos establecidos, un proxecto programado polo alumnado mediante a
ferramenta Scratch entrando deste xeito a formar parte do concurso.
Os centros interesados en participar poder consultar as bases e
realizar a inscrición na páxina web do concurso
aprendoprogramando.cpetig.org.