Xa podemos facer visitas virtuais ao Mercado de Tomiño

venres, 4 de novembro do 2016 Redacción

A listaxe de mercados galegos que podemos visitar virtualmente a través do Google Maps (de maneira integral e asumindo de maneira plena as posibilidades deste servizo) vén de ser obxecto dunha importante e salientábel incorporación. Trátase do Mercado de Tomiño, recentemente remodelado e (agora) xa visíbel e xa visitábel no Google Maps e a disposición de todos os internautas estean no recanto do mundo no que estean. Segundo destacou hoxe o Concello, o Mercado de Tomiño é un dos primeiros da nosa terra en apostar plenamente por este tipo de presentación ante o mundo. O Concello tamén fixo saber que con esta acción “o noso mercado emprázase nas buscas globais de Google”, con todo o que isto implica.
As posibilidades son amplas: por unha banda podemos facer dende o noso equipo ou dispositivo unha visita virtual do interior do inmóbel e, pola outra, temos ao noso alcance unha manchea de fotos de diferentes formatos (moitas delas en 360º) sobre os diferentes servizos, actividades e puntos de venda do mercado. Amais deste labor de difusión propiamente dito, o Concello de Tomiño deu forma a un sitio web específico, www.mercadotomino.com, e a un espazo propio na rede social Facebook, onde xa se contan máis de tres milleiros de seareiros.

PUBLICIDADE