Xa hai cen mozos inscritos no novo plan formativo-tecnolóxico da Deputación de Lugo

mércores, 12 de xaneiro do 2022 S. P.

A Deputación de Lugo fixo balance do seguimento que está a ter o seu programa Reiníciate (enfoca o teu futuro), destinado a fomentar a empregabilidade da xente nova botando man da formación nalgúns dos nichos de mercado de meirande demanda presente e futura, especialmente os tecnolóxicos. Segundo fixo saber a entidade provincial, xa hai 100 inscritos neste programa, un novo plan de emprego xuvenil impulsado pola Deputación de Lugo e a Escola de Organización Industrial (EOI). O obxectivo é que “un total de 400 mozos e mozas da provincia poidan acceder a profesións de alta demanda vinculadas coas novas tecnoloxías”. O programa arrancará na penúltima semana de xaneiro coas cinco primeiras actividades de formación gratuíta.
O luns 17 de xaneiro darán comezo as formacións de Auxiliar de xestión informática especializado en licitacións e subvencións públicas, Xestión comercial e márketing e Márketing dixital e redes sociais. Os tres cursos rematarán o vindeiro 14 de marzo. Algúns terán lugar en quendas de mañá e outros en horario de tarde. O vindeiro 10 de febreiro comezarán os programas Comunity manager e márketing dixital e Auxiliar de xestión informática para pemes e asociacións, que rematarán o 7 de marzo. Ambos cursos celebraranse de luns a venres, o primeiro en horario de mañá e o segundo en quenda de tarde. Cada programa ten unha capacidade de 15 persoas.
A Deputación fixo saber que aínda restan 300 prazas por ocupar, que poden solicitarse na web empleojovenlugo.es.
Para calquera consulta ou dúbida, as persoas interesadas poden chamar ao número de teléfono 982.26.02.04.
Promovido pola institución provincial e a EOI, este plan de emprego conta cun orzamento de 1.082.950€, achegados nun 85,9% pola Escola de Organización Industrial a través do Fondo Social Europeo, que supón 930.254,05€. A Deputación de Lugo asume o 14,1% restante, o que supón 152.695,95€. Un programa que dá continuidade ao Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, que tamén puxeron en marcha ambas entidades e que, segundo fixeron saber, “está tendo moi boa acollida entre as empresas da provincia”.
O presidente José Tomé explicou que o obxectivo deste programa é dar á mocidade “ferramentas de empregabilidade, ofrecendo para iso información especializada, teórica e práctica, naqueles ámbitos que hoxe en día máis se reclaman no mundo laboral”. Nese sentido, Tomé detallou que “é unha formación que responde á necesidade real de perfís profesionais que se están demandando, é dicir, os que máis expectativas de inserción laboral teñen”.
Prácticas remuneradas
Este novo programa da Deputación e a EOI inclúe ata tres meses de prácticas non laborais que serán remuneradas. O alumnado poderá completar a súa formación tanto en empresas como en asociacións da provincia cobrando uns 700€ ao mes durante este período.
Tomé Roca puxo en valor que “grazas a este programa os participantes mellorarán a súa capacidade e aptitudes para encontrar un traballo e, ao mesmo tempo, as empresas e entidades da nosa provincia, coa incorporación deste tipo de perfís profesionais, poderán mellorar a súa actividade, ser máis eficientes, ter máis recursos para optar a procesos de concorrencia pública e ser máis áxiles nos seus procedementos administrativos e no mundo dixital”.
E engadiu: “A previsión coa que traballamos é que a inserción laboral deste programa sexa, polo menos, dun 25% dos participantes”. É dicir, que uns 100 mozos e mozas consigan un emprego ao rematar este programa. “Esta”, engadiu, “é unha previsión, pero oxalá poidamos superar esa porcentaxe”.
Tomé recalcou que, sobre todo, este proxecto “é unha medida de apoio ao rural para que os mozos e mozas da provincia de Lugo poidan labrar o seu futuro no lugar onde viven atopando un posto de traballo no seu concello ou na súa comarca”.

PUBLICIDADE