Xa hai 1 millóns de dominios .es

luns, 14 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Miguel Sebastian, Ministro de Industria Turismo e Comercio, Preside o acto de celebración do fito Un millón de dominios .es

Os dominios .es estaban moi restrinxidos hai uns anos, pero trala modificación do seu regulamento disparouse o seu número, celebrándose a chegada ao seu primeiro millón nun acto presidido por Miguel Sebastian, Ministro de Industria, Turismo e Comercio, quen destacou que este momento histórico «nos fai ver que imos polo camiño correcto».
O director de Red.es, Sebastián Muriel, quixo destacar durante o acto que grazas á colaboración entre a administración pública e a empresa privada se conseguiu que «o dominio .es sexa sinónimo de calidade».
Lembremos que en 2004 só había 84.000 dominios (pois as normas de rexistro eran moi ríxidas e, por exemplo, non permitían máis de 1 dominio por empresa), polo que a ascensión dos dominios .es foi meteórica, facéndose un sitio na Internet onde aínda impera o .com.

O fito da creación do dominio 1 millón co sufixo .es reflíctese na web 1000000de.es, onde se poden ver algúns testemuños de éxito na Internet española, coma o Abuelonet, o grande exemplo de uso de dominio IDN de spaiñ.es, a agricultora Leonor Parra ou o caso dos tres irmáns que se senten conectados pese a vivir na montaña.
Durante o mesmo evento, Miguel Sebastián tamén asegurou que o Goberno «quere rematar coa proliferación de ofertas de alta velocidade que non se cumpren». Así, estarían a preparar un real decreto para prohibir as ofertas de servizos de Internet de banda larga que non garantan o 80% da velocidade prometida. Esta medida obrigaría ás operadoras a revisar cada liña para informar ao usuario das velocidades reais das súas ofertas.

PUBLICIDADE