Xa está na Rede todo o relativo ao festival Lugomáxico 2017

mércores, 26 de abril do 2017 Redacción

Xa está dispoñíbel na Rede toda a información sobre o festival lucense de maxia, Lugomáxico, que se celebra a vindeira semana entre o día 1 de maio e o sábado 6. Boa parte dos recursos podemos velos en lugomaxico.es, unha páxina que salienta pola súa vertente informativa (achéganos todo o referente ao certame coas localizacións e horarios de cada actuación e cos datos de cada artista participante) e pola súa vertente estética (moi visual e moi centrada en levarnos sen atrancos ao miolo informativo). A páxina compleméntase cos recursos achegados dende lugo.gal, o sitio en liña do Concello, e dende entradaslugo.es, o portal para a venda de billetes do Concello no que está habilitada a billeteira virtual para facernos cos nosos pases.
Para quen non o saiba, LugoMáxico chega estes días á súa edición número 14. Incluirá un bo número de actividades para cada xornada, a desenvolver en diferentes emprazamentos, e máis tres importantes galas. Inaugúrase o luns día 1 ás 18.00 horas cunha sesión gratuíta de maxia na Praza Maior, perante o consistorio, onde a Compañía Civic Civiac presentará o espectáculo O Gran Zampano. O certame tamén contará coa presenza, o venres, do hipnotizador Jeff Toussaint, coñecido polas súas participacións en El Hormiguero e no programa 1,2,3 Hipnotízame de Antena3.
Ademais, o sábado día 6 ás 21:00 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire celebrarase a Gran Gala Internacional Lugomáxico 2017 onde participarán, en palabras da organización, “unha escolma dos mellores meigos do mundo presentados polo arxentino Maximliano Stya”.

PUBLICIDADE