Xa está na Rede todo o relativo á novena edición dos Premios EGANET, que xa abriron o prazo de presentación

luns, 10 de decembro do 2012 Redacción

Os Premios EGANET 2012, novena edición, comezan a facer ruído na Rede. Segundo avanzou os días pasados a asociación empresarial galega, xa está aberto o prazo para presentarmos candidaturas ás diferentes categorías (cinco), estando previsto o peche do prazo para o día 9 de xaneiro. O obxectivo de EGANET, salientar o labor dos nosos profesionais e empresas TIC, vén este ano redobrado. Cousa natural, se temos en conta que a crise produtiva aperta e que todo semella pórse en contra do investimento en innovación. Pero as empresas e profesionais galegos seguen adiante co espallamento dixital, malia o panorama, sinalan dende EGANET, que xa ten toda a información dispoñíbel sobre o certame na web de seu.
Empresas, profesionais, asociacións, organización empresariais, ONGs, entes públicos e calquera outro organismo con sede social en Galicia poderán presentar as súas candidaturas aos premios, “sempre e cando realicen proxectos no eido das tecnoloxías da información e as comunicacións”, sinálanse nas bases. De non ter razón social en Galicia, os/as candidatos/as poderán participar se teñen relación clara coa cultura, lingua ou sociedade galegas.
As categorías dos premios son cinco, ás que se engade o Premio Especial EGANET, que a Asociación outorga ao proxecto, entidade ou personalidade galega que desde a última edición dos galardóns máis se esforzase en dar a coñecer e impulsar a realidade galega no contorno Internet e, deste xeito, “contribuíse a promocionar as novas tecnoloxías en Galicia”. Para esta modalidade non se recibirán candidaturas e serán as empresas socias da asociación as que elixan directamente ao premiado ou premiada.
As cinco categorías para as que se reciben candidaturas son as seguintes: Premio Mellor Proxecto Colaborativo Empresarial TIC; Premio Mellor proxecto Emprendedor TIC; Premio Mellor Aplicación Software; Premio Mellor Comunicación Dixital e Premio Mellor Negocio Online.
O uso de código aberto, a capacidade innovadora, a adecuación dos proxectos aos distintos soportes móbiles e o acceso universal ás novas tecnoloxías serán méritos que se recoñecerán de maneira transversal, independentemente da categoría á que se presente cada proxecto.
Os Premios EGANET acumulan nas 9 edicións a 1.303 proxectos presentados por máis de 600 empresas.

PUBLICIDADE