Xa está na Rede o meirande mapa do Universo e en tres dimensións

venres, 10 de agosto do 2012 Fernando Sarasketa

O Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC) participa nun proxecto, xunto con entidades de todo o mundo especializadas no estudo do firmamento, para acadar e publicar a maior fotografía do ceo nocturno ao alcance da man de internautas e investigadores. A imaxe resultante, primeiro con feitura tradicional e agora en formato de tres dimensións, constitúe a primeira pedra dun catálogo que non aforrará detalles. Para comezar, podemos albiscar no mapa presentado buracos negros ou galaxias (200 millóns), das cales 540.000 aínda non foran estudadas. O mapa en cuestión está accesíbel na Internet para as xeracións vindeiras, cousa moi a ter en conta nuns tempos, os que vivimos, en que cada vez é máis difícil observar as estrelas, por mor do exceso de luz nas cidades (as estrelas, literalmente, están a ser roubadas polos focos dos campos de fútbol, as obras en construción, os parques ou as rúas baleiras nas que non se precisan ducias de farois).
A achega, como dixemos, é froito dunha alianza internacional de entidades que se coñece como a Sloan Digital Sky Survey III. Trátase do xermolo dun catálogo cartográfico que fornecerá datos salientábeis de grandes cuestións que seguen a xerar controversia, como por exemplo a materia escura. Para ir abrindo boca, podemos ver xa na Rede un vídeo no que se amosa un itinerario virtual polo Universo e máis concretamente polas contornas esculcadas ao abeiro do proxecto SDSS nos primeiros dous anos de actividade deste proxecto. O vídeo en cuestión, unha animación froito dun inxente traballo de escolma de datos, expón preto de 400.000 galaxias. O obxectivo, a medida que o proxecto SDSS medre, é deixar o menos posíbel, como dixemos, por rexistrar.
Segundo explica o investigador da Universidade de La Laguna, Ismael Pérez, a nova información, baseada en espectros obtidos co telescopio Sloan, permitiu deseñar a peza en 3D que agora se está a presentar. “O mapa en 3D”, sinala, “é a peza clave da novena publicación de datos que leva a cabo a alianza internacional”. Esta publicación está dispoñíbel nas páxinas do proxecto SDSS e Skyserver.

PUBLICIDADE