Xa está aberto o prazo para inscribirnos no congreso #InLugo16

mércores, 23 de novembro do 2016 Redacción

Como xa adiantamos en Código Cero, os días 16 e 17 de decembro o Pazo de San Marcos (sede da Deputación) acollerá a cuarta edición do Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #InLugo16. Do que damos conta nesta nova é de que o prazo de inscrición para asistir a este evento gratuíto xa se atopa aberto, así que aqueles interesados en asistir poden solicitar dende agora algunha das 200 prazas para compartir coñecementos con expertos no mundo das novas tecnoloxías, o xornalismo, a mercadotecnia en liña ou a divulgación científica. A reserva das entradas, que se formalizarán por orde de inscrición, pode facerse na web oficial do InLugo ou na páxina da Deputación.
A xeito de novidade, dicir que nesta edición se poderá solicitar unha entrada para cada unha das sesións (venres pola tarde, sábado pola mañá e sábado pola tarde) de cara a unha mellor provisión do espazo dispoñíbel.
En canto a relatores, o InLugo contará con: Phil González (head of New Media AMC Networks para a Península e América Latina e embaixador de marca de Sony Mobile) coñecido por ser o creador da meirande comunidade de usuarios da rede social de fotografía Instagram, instagramers.com; logo será a quenda de Bárbara Yuste (@byuste), xornalista e profesora na Universidade Carlos II e Camilo José Cela de Madrid e directora de Bez; Javier Pedreira (@wicho), autor do blog Microsiervos e especialista en Cultura Dixital; Juan García (@blogoff), director da Escuela Bitácoras; Daniel Basteiro (@basteiro), xornalista e cofundador de El Español (@elespanol); Sebas Mouret, estudante e youtuber de éxito ou Miguel Ángel Lureña (@gominolasdepetroleo), doutor e licenciado en Ciencias da Tecnoloxía dos Alimentos e creador do blog Gominolas de petróleo.
Iranse engadindo máis relatores á listaxe, que se irá actualizando paseniño na páxina web oficial do InLugo e nas redes sociais do evento, Facebook e Twitter.
Engadir que tamén está aberto o prazo para enviar candidaturas aos Premios InLugo16 en tres categorías: Comercio, Ocio e Restauración; Deportes, Cultura e Acción Social; Tecnoloxía. Para participar só é preciso cubrir o formulario dispoñíbel na web habilitada. Logo, un xurado valorará todas as candidaturas e elixirá aos finalistas das tres categorías, o resultado coñecerase o 14 de decembro. E o sábado 17 de decembro, coñeceranse os e as gañadoras do certame nunha entrega pública de peche ao IV Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #InLugo16.

PUBLICIDADE