Xa está aberto o prazo para participarmos no Congreso de Cultura Dixital InLugo

mércores, 22 de maio do 2013 Redacción

Dende a Deputación de Lugo informan da apertura do prazo (do 21 de maio ao 4 de xuño) para participar de balde no evento de redes sociais InLugo, un congreso que reunirá ao máis salientable da Internet os días 7 e 8 de xuño. Aqueles que desexen acudir a este encontro poden inscribirse na web do organismo provincial ou na propia da iniciativa InLugo ata completar o aforo por orde de entrada das solicitudes. Asemade, cómpre engadir que a Deputación abre nos mesmos espazos web o prazo de presentación das candidaturas para os Premios #INLUGO, que recoñecen o bo emprego de Internet e as novas tecnoloxías de persoas ou organizacións da provincia luguesa. Por certo, o premio consistirá nun trofeo e dispositivos tecnolóxicos de última xeración cedidos por Telefónica.
O devandito congreso constitúe unha aposta da Deputación pola economía do coñecemento, está cofinanciado nun 80% pola Unión Europea e organizado por InterQué, entidade vinculada ás novas tecnoloxías da información e a Internet dende hai máis dunha década. O evento aparece baixo o lema Internet preto de ti, e a este congreso asistirán máis de 30 profesionais de sona en España, de sectores como o xornalismo, turismo, tecnoloxía, emprego, marketing online ou acción social, cuxos blogs e redes sociais contan con milleiros de seareiros, que partillarán nesta cita o seu coñecemento a través de varios relatorios e debates, nos que abranguerán os cambios nos hábitos, mentalidades, xeitos de comunicación e estilos de vida que veñen da man de Internet na sociedade. Asemade, haberá tempo para a innovación e o emprendemento, coa presentación de proxectos nos que se empregan as redes sociais como medio de expresión e negocio, ou cunha mesa redonda na que se tratará como a Rede pode impulsar empresas ou produtos. Algúns dos protagonistas deste congreso serán: Mario Tascón (experto en medios dixitais), Pilar Portero (activista do xornalismo 2.0), Alfonso Alcántara (referente no emprego e adestramento 2.0), Wicho (un dos blogueiros galegos máis importantes), Sebastián Muriel (vicepresidente de desenvolvemento corporativo de Tuenti), Francisco Polo (ciberactivista de referencia con change.org), Clara Grima (profesora blogueira das matemáticas), Victoriano Izquierdo (fotoblogger con Pixel Fugaz) ou Gonzalo Moreno (responsable de Minube, Comunidade de Viaxeiros), entre outros recoñecidos profesionais.
Para coñecer máis polo miúdo o programa e as actividades que se levarán a cabo en #INLUGO cómpre acceder á web específica da Deputación.