Xa dispoñible o novo OS X na Mac App Store

xoves, 26 de xullo do 2012 Marcus Fernández

iMessage confírmase como unha plataforma de mensaxería en tempo real para ordenadores e dispositivos de Apple

Dende a xornada de onte é posible descargar da Mac App Store por 15,99 euros o agardado OS X Mountain Lion, ou sexa, unha actualización á versión 10.8 do sistema operativo de Apple para os seus ordenadores, que destaca principalmente por reducir a distancia que os separa dos dispositivos móbiles con iOS, para o que incorpora numerosos cambios de interface e integra de xeito máis profundo iCloud e outros servizos dirixidos a unha experiencia en liña máis completa de usarmos varios dispositivos de Apple.
Entre as características de Mountain Lion está a aplicación iMessage, que facilita a comunicación en tempo real con outros ordenadores Mac e dispositivos con iOS (sería o sucesor de iChat); poderanse sincronizar os documentos entre Mac, iPhone e iPad a través de iCloud (incluíndo tamén ás aplicacións de Notas e de Recordatorios); o navegador web Safari renóvase con funcións como a de beliscar para amosar unha vista de pestanas e a posibilidade de acceder aos últimos sitios web visitados dende calquera dos nosos dispositivos de Apple grazas á sincronización en liña); un Centro de Notificacións semellante ao de iOS (que pode despregarse no lateral dereito da pantalla); integración con Twitter, Flickr e Vimeo para facilitar a compartición de documentos a través da Rede (Facebook tamén fará o mesmo no outono); o Game Center permite xogar en liña contra usuarios doutros dispositivos de Apple; permite facer espello da pantalla do ordenador a través de AirPlay; mellora a seguridade controlando as aplicacións descargadas da Rede que poden instalarse e incluso permite empregar o ditado por voz como sistema de introdución de texto (aínda que actualmente non está dispoñible en español, senón que haberá que agardar a unha actualización da que aínda non hai data).
Polo momento as principais aplicacións de Apple xa foron actualizadas para aproveitar as novas funcionalidades de Mountain Lion, aínda que non parece que esta renovación do sistema operativo de Apple sexa moi profunda, e incluso hai bastantes usuarios que critican a falta de innovación por parte de Apple, así como o pouco atinado que resulta achegar funcionalidades de iOS directamente a OS X, conservando incluso o deseño das aplicacións móbiles na súa versión de escritorio, o que non parece moi fiel aos principios que sostiña Apple durante moitos anos.

O novo Safari para OS X permite mudar de pestana mediante xestos táctiles
O OS X 10.8 incorpora un Centro de Notificacións coma o de iOS

PUBLICIDADE