Xa circulan pola Rede copias do último filme dos Vingadores

mércores, 24 de abril do 2019 Marcus Fernández

As gravacións do filme teñen unha calidade moi baixa

Pese ás numerosísimas medidas de seguridade para protexer o filme de filtracións sobre o seu argumento, as estreas de presentación de Avengers: Endgame facilitaron que a produción que non chegará ás salas cinematográficas até mañá xa estea a circular pola Rede, primeiro cunha copia cunha calidade de imaxe e son lamentable orixinada en China (como denota que teña subtítulos en chinés), e logo cunha copia con calidade mellorada que circula cunha sobreimpresión promocionando a casa de apostas rusa 1XBet.
Aínda que o público non é moi partidario actualmente dos screeners (copias realizadas nos cines normalmente a través de cámaras de vídeo) e Avengers: Endgame xa teña vendido un número considerable de billetes de xeito anticipado (polo que a estrea será un éxito indiscutible), o feito de que circulen copias da película pola Internet é especialmente molesto porque facilita a circulación de spoilers, ou sexa, que se desvelen detalles da historia que poderían estragar a sorpresa a moitos espectadores que teñen previsto pasar polas salas cinematográficas nos vindeiros días.
Hai anos este tipo de filtración podería prexudicar seriamente ao desempeño económico dun filme, pero actualmente o público non está disposto a ver copias de baixa calidade de superproducións por ter elevado os seus estándares de calidade, o que é toda unha sorte para o negocio do cine, que consegue manter aos espectadores fieis grazas ao coidado das súas proxeccións.

PUBLICIDADE