XGN R Encounter abre as súas portas este xoves de xeito non oficial

mércores, 10 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Mañá, 11 de outubro, abre as súas portas de maneira “non oficial” a festa informática XGN R Encounter, que se celebra no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA en Silleda, até o 14 de outubro. A apertura “non oficial” (que se “oficializará”, iso si, ao día seguinte) levarase a cabo ás 16.00 horas, sendo o seu obxectivo “facilitar o acceso graduado dos inscritos, permitindo a aqueles que o desexen comezar a instalar tanto os seus postos informáticos como os seus útiles para durmir, xa que a party conta con zona de acampada”, informa a organización (a dita Feira Internacional, a operadora galega R e máis a Xunta de Galicia, a través de Política Social).
Este primeiro día “informal” de actividades centrará boa parte do seu programa na realización de diversas probas técnicas e de montaxe. Así, se ben as persoas inscritas que acudan poderán comezar a empregar os seus equipos, faranse probas ao longo da xornada para “garantir a estabilidade da conexión e a dispoñibilidade da red de cara ao inicio oficial ao día seguinte”.
Por outra banda, o programa de accións (relatorios, torneos, presentacións, obradoiros, etc) propiamente dito da XGN R Encounter non dará comezo de facto até o venres 12, día oficial da apertura do evento. Segundo informan os organizadores, “será entón cando se poñan en marcha as propostas da área Intranet”, orientada ás persoas inscritas, “que poderán participar na manchea de actividades e torneos exclusivos” que se lles ten preparados. Esta posta en marcha de XGN tamén abranguerá a zona Extranet, que conta cun completo programa ao que poderán acceder de balde os
inscritos e mailos visitantes en xeral que se acheguen ao recinto.
Nesta edición o programa de actividades amplíase, celebrándose máis dunha decena de torneos de videoxogos, así como nove competicións de arte dixital, robótica, realidade virtual ou drons. Amais,
haberá conferencias, como a de Nativos R, dirixida a persoas que non naceron na era dixital e obradoiros de robótica para a rapazada (os obradoiros de Crea R), entre outras alternativas de lecer.


PUBLICIDADE