X/Twitter padece unha importante caída global

xoves, 21 de decembro do 2023 Marcus Fernández

A plataforma social X/Twitter experimentou esta mañá, durante preto de hora e media, unha caída global que impedía acceder ás publicacións dos usuarios, aínda que curiosamente si permitía a participación en Espazos e recibir notificacións.
Cómpre lembrar que dende a adquisición da compañía por parte de Elon Musk, quen decidiu prescindir da meirande parte dos traballadores da compañía e reduciu o seu investimento en servidores, as infraestruturas de X/Twitter funcionan bastante peor, e as incidencias son moito máis frecuentes. De feito, o pasado verán , froito da imposibilidade da plataforma de soportar a carga á que a sometían os seus usuarios, introduciron limitacións do número de publicacións que podían visualizarse.
Esta incidencia acontece nun momento bastante malo para a compañía, cunha importante fuxida de anunciantes e coa chegada a Europa de Threads, alternativa a Twitter lanzada dende Instagram, que está a ter unha acollida bastante boa, e podería dificultar a supervivencia de X/Twitter.

PUBLICIDADE