X/Twitter celebra o aniversario da compra de Musk con novos plans de pagamento

venres, 27 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Estes días está a cumprirse un ano da compra de Twitter por parte de Elon Musk, e dende a compañía están a celebrar o aniversario con comunicados triunfalistas moi afastados da realidade, o anuncio de que están a ultimar o lanzamento de chamadas de voz e vídeo para usuarios de pagamento (levando a que moitos medios se lancen a explicar como desactivar tal opción que ninguén demandou), e incluso transcendeu que Elon Musk comunicou aos traballadores de X que a compañía ten que ser capaz de substituír aos bancos antes de rematar 2024.
Sobra dicir que a famosa super-app na que Musk quere converter Twitter despois de que non lle deixaran facer tal en PayPal no seu día é algo que os usuarios non demandan, e que será grande reto, non só polas complexidades técnicas, corporativas e regulatorias, senón polo mero feito de que X ten actualmente unha reputación tan mala que parece de tolos que alguén vaia depositar cartos na plataforma ou simplemente confiarlle os seus datos de pagamento.
Precisamente este último detalle é un dos elementos que poden estar a retraer a moitos a subscribirse aos servizos de pagamento de X, xa que a fricción de subscribirse a un servizo de pagamento é moi elevada para unha grande masa de usuarios.
Disto podemos entender que a última novidade de X terá difícil prosperar, pois mantén as mesmas carencias que as propostas anteriores. Concretamente o que veñen de facer é diversificar o seu servizo de subscrición, cunha clara intención de incrementar as fontes de ingresos, polo que engaden tanto un plan de subscrición económico como outro extraordinariamente caro.
Deste xeito, se agora queremos subscribirnos en X podemos contratar un plan Básico por 3 euros/mes que inclúe funcións como editar publicacións, poder escribir publicacións longas, poder publicar vídeos máis longos, poder gozar do lector de fíos, poder descargar algúns vídeos e mellorar lixeiramente a visibilidade das respostas. Se queremos as funcionalidades de pagamento que había até agora mantense o plan Premium a 8 euros/mes. E como novidade máis rechamante temos un plan Premium+, que por 16 euros/mes engade a eliminación da publicidade nas cronoloxías (o que non quere dicir que se elimine completamente) e unha visibilidade aínda máis potenciada nas respostas. Vaia, que falamos de pagar o dobre por un par de prestacións que apenas achegan valor, dando a impresión de que só van contratar este plan os incondicionais de Elon Musk. De feito, este novo esquema de plans pode volverse en contra da plataforma, pois moitos usuarios poderían optar a pasar do plan Premium ao Básico que, de feito, era o plan de pagamento que existía en Twitter antes da compra da compañía por parte de Musk.

PUBLICIDADE