Wuaki.tv ofertará 1.000 dispositivos Chromecast a beta testers

venres, 21 de marzo do 2014 Marcus Fernández

A chegada do Chromecast a España parece prometedora, por ser unha ferramenta a un prezo asumible (35 euros) que facilita o consumo de contidos audiovisuais na Internet dende televisores con HDMI que non teñan prestacións de Smart TV dun xeito moi cómodo e doado, permitindo que os vídeos poidan lanzarse directamente dende un ordenador, un smartphone ou un tablet, aínda que inicialmente estaba limitado aos servizos de vídeo de Google, pois en España non gozamos de plataformas compatibles como Netflix, Hulu Plus ou HBO Go, pero os servizos de vídeo baixo demanda parecen ter tomado boa nota do potencial do trebello, e Wuaki.tv non esperou para mover peza.
O pasado mércores comentamos que a páxina web de Wuaki.tv integrara no seu reprodutor multimedia a posibilidade de enviar vídeo a Chromecast, e hoxe esta prestación non só xa é oficial, senón que a propia compañía anuncia o inicio dunha fase de probas para este dispositivo a través da que permitirá que 1.000 usuarios poidan adquirir a un prezo moi reducido un Chromecast, para o que veñen de abrir un proceso de inscrición.
Aínda non anunciaron publicamente os detalles, pero dende Engadget adiantan que para poder gozar desta promoción haberá que subscribirse a Wuaki Selección durante un mínimo de 6 meses (6,99 euros/mes), mentres que outras fontes apuntan a que a aplicación móbil compatible con Chromecast chegará en unha ou dúas semanas.
Podemos asegurar que a través da web xa é posible gozar dos contidos de Wuaki.tv no televisor a través de Chromecast con normalidade, o que permite unha recepción de vídeo de calidade realmente interesante e de grande atractivo á hora de apostar por unha solución legal de vídeo baixo demanda.
Queda agora por ver se servizos como Yomvi, Atres Player ou Mitele ou as páxinas web das distintas canles televisivas españolas súmanse a esta tecnoloxía que podería supor a popularización do vídeo en liña no salón da casa.

PUBLICIDADE