Wuaki.tv estréase en tablets e na Xbox 360

mércores, 29 de agosto do 2012 Marcus Fernández

A aplicación de Wuaki.tv para iPad facilita o acceso a este servizo de vídeo baixo demanda máis aló do televisor e do PC

O servizo de vídeo baixo demanda Wuaki.tv continúa a evolucionar, de xeito que xa non se limita ao aluguer de contidos soltos e ordenadores e televisores conectados como dispositivos de reprodución, senón que xa ten en funcionamento o seu Plan Premium que facilita o acceso a máis dun milleiro de contidos mediante unha cota mensual (6,99 euros/mes) e nos últimos días tamén estrea novas plataformas que facilitan o seu acceso: o iPad, tablets con Android e a Xbox 360.
A aplicación para iPad de Wuaki.tv está dispoñible dende hai uns días e facilita o acceso a películas e series de televisión dende o tablet de Apple alí onde se conte con conectividade Wi-Fi, permitindo sincronizar a conta de usuario en Wuaki.tv co tablet (para poder acceder a todos os contidos adquiridos sen problema). Esta aplicación tamén conta cunha versión adaptada a tablets con Android.

Os tablets con Android tamén poden gozar de Wuaki.tv

Tamén vén de estrearse a aplicación de Wuaki.tv na Xbox 360, que xa está no Bazar da consola de Microsoft, e que permite un acceso completo aos servizos de Wuaki.tv para os usuarios Gold, mentres que os usuarios da Xbox 360 que non paguen pola súa conta en Xbox LIVE terán pechado o acceso ao Plan Premium e ao catálogo de películas de balde en Wuaki.tv. Estamos ante un dos xeitos máis prácticos de levar este servizo ao televisor do salón, e para animar aos usuarios a probalo ata o 31 de decembro terán dispoñible un cupón (código PELICULAXBOX) para poder ver a través desta aplicación unha película de balde en definición estándar.

Xa podemos acceder a Wuaki.tv a través da Xbox 360

PUBLICIDADE