Worten comeza a liberar móbiles por IMEI

martes, 21 de maio do 2013 Marcus Fernández

A cadea de tendas de electrónica de consumo, Worten, con presenza en Vigo e A Coruña, estrea un servizo de liberación de móbil por IMEI, de xeito que practicamente calquera terminal adquirido a través dun operador español pode desligarse da súa compañía mediante un código de desbloqueo que non afecta á súa garantía nin ao seu funcionamento, aínda que a recepción de tal código pode levar dende uns poucos minutos ata un par de días segundo o caso.
Este tipo de servizos xa son relativamente populares dende hai tempo (con compañías en Galicia como Movical.net que os ofertan para toda España con bastante éxito), pero Worten sería a primeira cadea deste tipo que se anima a liberar móbiles nos seus establecementos, competindo así cos moitos servizos deste tipo que hai a través da Internet, aproveitando a confianza que dá a súa contratación presencial.
Estímase que actualmente se producen en España entre 200.000 e 250.000 liberacións de móbiles ao mes, polo que pode ser un negocio interesante, pese a que os operadores deberían ofrecer tal servizo de balde segundo as asociacións de consumidores. Cómpre destacar que o desbloqueo do móbil é totalmente legal, pois non afecta de ningún xeito ao compromiso de permanencia adquirido en moitas ocasións coa súa adquisición.

PUBLICIDADE