WordPress, Booking e Google centran os novos obradoiros TIC de SmartPEME

martes, 26 de xullo do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través da rede de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta tres novas accións formativas mixtas impartidas de xeito online e presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros para persoas autonómas, empresas, profesionais e cidadanía en xeral. As accións tratarán temas como mellorar a túa web en WordPress, promocionarse en Booking e coñecer novas ferramentas de Google.
Este mércores 27 de xullo, María Aller licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, impartirá o taller Plugins de WordPress para mellorar a túa web"no que ensinará como ter unha web moito máis robusta engadíndolle funcionalidades que a perfeccionen. Impartirase de xeito telemático a través de Zoom.
O xoves 28, ás 11.00h vía Zoom, será a quenda do obradoiro Promociona o teu alugueiro vacacional en Booking. Este obradoiro está orientado a persoas emprendedoras, autónomas e empresas do sector turístico e nel falarase de como crear e optimizar anuncios de aloxamentos e cales son as condicións e vantaxes desta plataforma dixital. A encargada de conducilo será Sonia Torres, posgraduada en Xestión e Dirección de Empresas Turísticas.
Finalmente, o venres 29 celebrarase o derradeiro dos obradoiros deste mes. Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais, versará sobre Ferramentas de Google para axudar ao teu negocio" Neste taller descubrirán unha ampla variedade de ferramentas e funcionalidades de Google que poderán axudar aos negocios a ser máis eficientes e conseguir os seus obxectivos.

PUBLICIDADE