WordPress 3.8 en galego incorpora finalmente o sistema de actualizacións de seguridade automáticas

xoves, 12 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Finalmente publicouse a versión 3.8 de WordPress, coa súa correspondente localización ao galego, o que supón a consolidación de numerosos cambios neste popular xestor de contidos para a web que hai tempo que deixou de empregarse só para blogs, e xa é o CMS máis empregado globalmente para todo tipo de páxinas web. Un dos grandes cambios de WordPress 3.8 é que na súa versión en galego xa podemos gozar do sistema automático de actualizacións de seguridade, o que permite que os administradores de espazos baseados en WordPress poidan estar máis tranquilos, á vez que contribúe a manter una Internet máis segura (evitando a proliferación de webs infectadas por distintos tipos de malware e afectadas por outras malas prácticas).
WordPress 3.8 presenta un novo deseño moderno, cunha tipografía limpa e un contraste refinado, que busca adaptarse ao maior número de dispositivos posible (de xeito que poderemos xestionar comodamente as nosas páxinas web dende un ordenador, un smartphone ou un tablet), facilita a xestión de widgets e estrea o tema Twenty Fourteen, que presente un elegante estilo de revista.

PUBLICIDADE