Wireless Galicia, ITG e UDC apostan polo Wimax como tecnoloxía de futuro para a nosa terra

martes, 13 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Darlle un novo pulo á tecnoloxía sen fíos Wimax, especialmente axeitada para unha orografía tan accidentada como a galega. Ese é o gran obxectivo da Universidade da Coruña (a través do Grupo de Tecnoloxía Electrónica e Comunicacións), a empresa Wireless Galicia e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), integrantes dunha alianza encamiñada a desenvolver na nosa terra o acceso á Rede a través deste tipo de canles, concretamente a do estándar Wimax Mobile. A xuízo dos promotores deste proxecto, esta tecnoloxía é a que vai permitir que amplas zonas de Galiza teñan finalmente conexión á Internet, xa que Wimax (sinalan) chega a onde non chega WiFi, fornecendo ás vilas e aldeas de cincuenta quilómetros de radio no canto dos 300 metros que vén achegando WiFi, e con menos cortes e interferencias (porén, a idea é combinar ámbalas tecnoloxías).
A iniciativa tamén vai dirixida a situar a Galiza como referente no desenvolvemento deste tipo de tecnoloxía, sendo a complementariedade acadada entre os participantes neste proxecto (sinalan) en concreto un comezo máis ca axeitado: “A Universidade achega o seu coñecemento en ferramentas de investigación, Wireless Galicia a súa presenza no mercado para poñer en funcionamento as solucións que se obteñan e ITG a súa experiencia na xestión de proxectos de Investigación e Desenvolvemento, algúns deles sobre WiFi”, sinala Xurxo Cegarra, responsable de servizos telemáticos de Wireless Galicia.
O proxecto comezará a dar os seus froitos en setembro, coa presentación dos resultados do proxecto e dun “prototipo demostrador” ou ferramenta que se porá a disposición das empresas interesadas en manufacturar equipos con tecnoloxía Wimax, informa a devandita empresa.

PUBLICIDADE